Este traballo consta dun libro, un CD con 12 cancións e un DVD cun documental sobre a vida desta muller.
No libro, escrito polo prestixioso escritor Fran Alonso, amósanos o lado máis humano da Señora Carmen, da súa vida traballando no campo e daquelas noites que, ás agachadas ía ao muíño a cantar, a súa grande paixón.
No CD da Señora Carmen escoitaremos as cancións que gardaba na súa memoria e no seu corazón. Son 12 pezas cheas de sentimentos nas que “a artista” nos conta a súa vida dun xeito moi íntimo e persoal, mergullándose na Galicia que viviu de nena en claro contraste coa Galicia actual. “ Na flor dos meus anos” conta con grandes colaboracións musicais: dende os portugueses Dulce Pontes ou Augusto Canario até os galegos Uxía, Xosé Manuel Budiño, Rodrigo Romaní ou membros de grupos tan recoñecidos como Treixadura, Berrogüetto ou Malvela.
No DVD, a Señora Carmen cóntanos as súas lembranzas, algunhas alegres e outras tristes, pero que en definitiva son parte da súa vida. Ademais, o DVD contén varios vídeo-clips e un “ como se fixo”.
“Na flor dos meus anos” é ler, escoitar e ver a unha lenda viva da nosa Galicia: a Señora Carmen. Este traballo, cargado de emocións, estará nas rúas o vindeiro outono.